mércores, 8 de xuño de 2016

Rolda de Prensa, do movimento cidadá pola defensa e municipalización dos servizos públicos, sobre o chamado "Contrato Eléctrico", onde se presentou a Plataforma, falou-se do porque da súa constitución, dos seus obxectivos e da folla de ruta da súa vindeira actividade - Vídeos das intervencións


Na Rolda de prensa do mércores 8 de Xuño de 2016 que tivo lugar en Sargadelos, interviñeron Fernando Ramos Armesto, da Iniciativa Popular pola Remunicipalización da Xestión da Auga, Alexandre Carrodeguas, da mesma Iniciativa e da asociación ambientalista VERDEGAIA, Bernardo Rego da asociación sociocultural López Bouza e da Plataforma pola devolución do cobro indebido da taxa de saneamento e Pablo Portero da mesma Plataforma e da asociación Fuco Buxán. Que foron acompañados por numerosas persoas que participan no tecido asociativo da cidade.

Comunicado resumo de posicionamento da Plataforma.

As persoas e entidades promotoras da Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización, reunidas a 7 de xuño de 2016, queren manifestar publicamente as seguintes reflexións e pronunciamentos:

1º Que o concello de Ferrol está tramitando a sinatura dun contrato de subministro e mantemento eléctrico coa UTE da empresa SEFCON e a empresa Fomento de Construcciones y Contratas FCC. O procedemento está pendente de ser aprobado en Mesa de Contratación e sesión de Pleno Municipal. A duración do contrato é de 15 anos (12,5+prorroga), e alcanza os 41 millóns de euros (mínimo). Un diñeiro que a través destas grandes empresas, vaise fóra de Ferrol, empobrecéndonos, producindo só emprego de baixa calidade e hipotecando á cidade máis aló do ano 2030.

2º Que existen varios informes técnicos, municipais e extra-municipais que informan de problemas no procedemento, dado que non se trata dun contrato de servizos, senón de dous contratos, un de SUBMINISTRO e outro de PRESTACIÓN DE SERVIZO, polo tanto, incluílos nun mesmo contrato é algo irregular, e a duración de ambos, non pode ir mais aló dos catro anos, prorrogábeis a seis, segundo a lexislación en vigor para este tipo de contratos.

3º Que existe a posibilidade de desestimar e mesmo facer renuncia deste contrato, tanto polas irregularidades que presenta no procedemento de contratación, como nas condicións nas que se prestarían estes servizos aos veciños e veciñas de Ferrol. Para comezar, tal e como nos asesoran e informan os distintos técnicos cos que está en contacto esta plataforma, todos eles especialistas neste tipo de contratos nas administracións públicas, o primeiro que habería que facer, é separar o subministro eléctrico, que se podería xestionar directamente polo concello, como así sucede noutras institucións, do contrato de mantemento das instalacións eléctricas do concello.

4º Que todas estas xestións poderían ser levadas adiante nun curto prazo de tempo, saíndo así da actual situación de irregularidade presentando facturas por estes servizos, a aprobación ao pleno, fora de contrato.

5º A alcaldía solicitou un informe xurídico ao bufete co que ten asinado un contrato de servizos xurídicos (Lama&Asociados). Ese informe é radicalmente contrario á remunicipalización e tamén ao desestimento ou renuncia. Entre os argumentos do informe, destaca o pagamento de indemnizacións millonarias a ameazas de cárcere ou perda de patrimonio ao alcalde ou concelleir@s que asinen a renuncia ou o desestimento, e non adxudiquen o contrato.

6º O administrador da empresa SEFCON é Borja Silveira Rey, que á súa vez pertence ao bufete que elaborou o informe xurídico, Lamas&Asociados. O que incumpre co principio de independencia e obxectividade do devandito informe.

7º No pasado pleno do xoves 26 de maio, na votación da moción que presentou o BNG, instando á renuncia do contrato, o Grupo Municipal Socialista (PSOE) votou a favor. Non así o seu socio de goberno, Ferrol En Común, que se abstivo xunto a Ciudadanos e o voto en contra do Partido Popular.

Por todo isto, quen asinamos, mostramos a nosa firme determinación para paralizar a adxudicación deste contrato ilegal e pernicioso para a cidadanía de Ferrol, e conseguir a municipalización destes servizos. Para o que nos conformamos en plataforma e levaremos adiante as iniciativas que consideremos ata lograr o noso obxectivo, que non é outro que a municipalización dos servizos públicos, que ademais de optimizar o servizo en función do ben común, e non do beneficio, supón un aforro que debera servir, a través da xestión municipal, para fixar capital na economía local que este non escape a través das corporacións transnacionais e creando emprego de calidade.


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN.

Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
http://plataformaferrol.blogspot.com.es/

Nota.- É sintomático que ao día de hoxe o dominio en internet Sefcon.es da empresa Servicios Eficientes de Control S.L. da que é Administrador o citado Borja Silveira Rey (maximo beneficiario do asunto do contrato eléctrico, segundo se desprende do que di el mesmo nunha recente entrevista), desapareceu con toda a súa información, para poñer un simple: " Creando Web...". Casualidade? Mais gárdamo-nos esta que é o suficientemente ilustrativa.


https://youtu.be/0JDTU0RWu3c



https://youtu.be/OXux6vX-eu4



https://youtu.be/aodKYqfLR1E



https://youtu.be/HeDfDt1f2F0


***