luns, 29 de xaneiro de 2018

O BNG de Ferrol valora, nun comunicado, a proposta de novo Convenio entre Augas de Galiza, o Concello de Ferrol e o Concello de Narón para a regularización dos gastos de explotación do sistema de saneamento e depuración, que será abordado mañá martes 30 de xaneiro, na xunta de portavoces, convocada para o efecto, considera que este documento significa perpetuar a liña iniciada por Rey Varela e o Partido Popular no anterior mandato

 A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez,
e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez,o 13 de decembro n'A Coruña


O pasado 13 de decembro, A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, mantiñan unha xuntanza n'A Coruña, para buscar puntos de encontro na elaboración dun novo Convenio a tres bandas. Daquela Augas de Galicia emitira un comunicado da xuntanza que ao pouco corrixiu na súa web oficial, o que provocou unha respostas dos dous Concellos. Mais o acordo que se anunciaba daquela, non era tal. O Concello de Narón anunciara un recurso de reposición contra o Convenio asinado o 1 de Agosto de 2017 a dúas bandas entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol. A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, emitira un comunicado público denunciando que o "responsábel máximo da situación desolada da xestión do sistema de saneamento de Ferrol e Narón, Augas de Galicia, pon-se por arriba do ben e do mal e considera-se mediador nun conflito entre dúas administracións, os concellos de Ferrol e Narón", denunciando que se pasaba "dun requirimento de Narón moi ben elaborado e argumentado, centrando o asunto no seu punto real a unha suposta mediación impresentábel". Despois dun mes e medio de diferentes contactos agora vai-se presentar, mañá en Ferrol, antes a reunión de portavoces dos grupos municipais, un principio de acordo na redacción dun novo Convenio a tres bandas que sempre tería que pasar por un Pleno, para ser acordado e validado. O BNG, fixo público un comunicado hoxe, valorando o texto do Convenio que se vai presentar mañá martes 30 de xaneiro de 2018.

O mércores 7 de febreiro a Plataforma ten convocada unha concentración para denunciar o inminente cobro da Taxa de Depuración, co recibo que emite Emafesa, unha taxa inxusta que fai que sexa o Concello de Ferrol, o que teña as taxas de sumidoiros, saneamento e depuración máis altas da Galiza. Co lema a Estafa Continúa, ás 6 da tarde, na praza do Concello, está chamada a veciñanza de Ferrol, a amosar a súa disconformidade con esta Taxa.


O BNG VALORA O CONVENIO ENTRE AUGAS DE GALIZA EOS CONCELLOS DE FERROL E NARON QUE SE ANALIZA MAÑÁ NA XUNTA DE PORTAVOCES

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol logo de que se nos achegara o convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galiza, o Concello de Ferrol e o Concello de Narón para a regularización dos gastos de explotación do sistema de saneamento e depuración da marxe norte da ría de Ferrol, que será abordado mañá na xunta de portavoces, convocada para o efecto, considera que este documento significa perpetuar a liña iniciada por Rey Varela e o Partido Popular no anterior mandato.

O convenio que se nos propón é un paso máis na deriva política compartida por FeC e PP respecto do sistema de depuración na Cidade e que ten 2 obxectivos claros: incrementar o volume de negocio de EMAFESA, coa entrega a esta empresa da depuradora e a súa xestión e un segundo obxectivo que non é máis que o intento de lavarlle a cara e eximir de responsabilidade, á Xunta de Galiza, ao Estado e ao Partido Popular de todas as decisións adoptadas sobre o sistema de depuración na nosa cidade. Por este motivo queremos facer as seguintes consideracións:

1. Este convenio non anula o anterior asinado entre Augas de Galicia e o concello de Ferrol en abril de 2017 no que Ferrol se fixo cargo da EDAR. O concello de Ferrol segue a ser o responsable único da xestión dunha infraestrutura que non é da súa propiedade e que presta un servizo de carácter supramunicipal.

2. O concello de Ferrol é responsable subsidiario de calquera impago ou perxuizo ou controversia  que poida xurdir respecto do pago por parte do concello de Narón e deberá aboar integramente os custes de xestión mantemento e reparación da depuradora mais os posibles xuros derivados de impagos que non teñen porque ser imputables ao concello de Ferrol.

3. Augas de Galicia, que entregou a EDAR nunhas condicións que impedían o seu funcionamento se asegura mediante unha cláusula que non asumirá ningunha obriga económica derivada da xestión dunha infraestrutura da súa propiedade.

4. O convenio deixa as claras e literalmente que Augas de Galicia responsable da xestión da depuración actuará exclusivamente como intermediario entre os dous concellos.

5. Todos os custes que por parte da empresa EMAFESA se están a reclamar desde que en 2014 se lle entregou a EDAR serán asumidos polos ferroláns e Narón unicamente asumira o 30% dos importes xerados a partir do 1 de abril de 2017. Augas de Galicia se exime de toda responsabilidade en todo este proceso e sorprendentemente o goberno de Ferrol asinte e permanece en silencio.

Por tanto, serán os ferroláns os que teñan que asumir  o mantemento e a posta en funcionamento dunha infraestrutura que non é nosa e que superan os 2M de euros tal e como se reflexa no estudo económico que acompañaba a taxa do PP en 2014 e á que este goberno lle levantou a suspensión a finais de 2017.
Serán os ferroláns os que paguen a reparación dunha EDAR, construída polo Estado e sen acta de recepción que se nos entregou en condicións que impedían o seu funcionamento grazas ao convenio asinado entre o Sr. Rey Varela e Augas de Galicia en 2014 e que o PP e FeC validaron en 2017 mediante a ratificación dun novo convenio con Augas de Galicia.

O certo é que con este convenio certificase a vontade de eximir de toda responsabilidade a Xunta de Galiza, propietaria da infraestrutura e ao Estado, que a pesar de ser o responsable da construción da EDAR co diñeiro dos galegos e galegas máis os fondos FEDER nin se lle menciona neste novo convenio nin no anterior asinado entre o concello de Ferrol e Augas de Galicia.

En resumo, este convenio ven exclusivamente a determinar que o concello de Narón pagará o 30% dos custes a partir do 1 de abril de 2017. Nin o Estado nin a Xunta nin o concello de Narón se farán responsables en modo algún de ningunha das cargas económicas e de xestión que supón a reparación, xestión, posta en funcionamento e mantemento da depuradora. Estes custes serán exclusivamente soportados polos veciños e veciñas desta Cidade sen que tivesen ningún tipo de responsabilidade no despropósito que supón o deseño do sistema de depuración na ría de Ferrol.

Ferrol, a 29 de xaneiro, de 2018.

BNG-Ferrolterra | ferrolterra@bng.gal
Grupo Municipal | bng@ferrol.es

---