sábado, 25 de marzo de 2017

Comunicado Público da Plataforma despois da Xunta de Portavoces do Concello de Ferrol, respecto ao Saneamento e Depuración - Nos acordos alcanzados, quedou ao descuberto a MENTIRA coa que se pretendeu todos estes meses enganar á cidadanía de Ferrol, moi especialmente ao colectivo de mariscadores e mariscadoras - Demandas da Plataforma



COMUNICADO PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN

En Ferrol, a 23 de marzo de 2017, esta Plataforma comparece publicamente para expoñer o seu posicionamento ante os acordos anunciados polo Alcalde, Jorge Suárez, tras a reunión cos portavoces dos grupos municipais, en relación á posta en marcha do sistema de depuración e o seu financiamento. Acordos tomados na xuntanza de portavoces, celebrada este xoves, 23 de marzo, no Concello de Ferrol.

Primeira cuestión.-

Nos acordos alcanzados, quedou ao descuberto a MENTIRA coa que se pretendeu todos estes meses enganar á cidadanía de Ferrol, moi especialmente ao colectivo de mariscadores e mariscadoras, que consistía en repetir unha e outra vez, que era imprescindíbel aprobar primeiro unha Taxa para poder poñer a funcionar a Depuradora e o resto do Sistema de Saneamento. Agora, se nos dá a razón á Plataforma cando afirmábamos que para que a EDAR  e resto do Sistema de Saneamento (Ebar, emisarios terrestre e sumariño, regulador, interceptores, tanques de tempestade...) comezara a funcionar, non se necesitaba aprobar unha taxa de urxencia, de xeito atropelado e baseándose só no informe elaborado pola parte privada de Emafesa (Socamex). Agora dáse un prazo de dous a tres meses para aprobala.

A Plataforma seguimos exixindo un proceso participado, transparente e rigoroso, que cumpra como mínimo coa Lei de Procedemento Administrativo Común, no seu artigo 133 que di “Con carácter previo á elaboración do proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, realizarase unha consulta pública, a través do portal web da Administración competente, na que se recabará a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma”. Mais sería desexábel o cumprimento da palabra do Alcalde e o programa electoral co que se presentou, dando sentido á tan publicitada Participación Cidadá, e demandada por miles de sinaturas presentadas no rexistro xeral do Concello, unha Audiencia Pública, sobre todo o referente á auga e ao saneamento, pois si se ten que establecer unha Taxa, esta ten que ser explicada, participada e xusta.

Segunda cuestión.-

A nosa alarma ante a idea de que lle sexa entregada a EMAFESA a xestión da depuradora. É coñecido pola poboación deste Concello cal é o papel desta empresa, totalmente controlada pola parte privada SOCAMEX, que non só puxo en perigo a nosa saúde coa crise dos trihalometanos, se non que, como ten denunciado ante a fiscalía esta Plataforma, cobrou unha taxa indebida, por un servizo que non se prestaba. A maiores, participou nun engano intencionado con publicidade, xunto ao goberno de Jose Manuel Rey Varela, anunciando que a depuradora estaba funcionando, cando a verdade era que non se depuraba. A opacidade nas contas e na xestión son unha das características desta empresa, que agora acumula perdas millonarias. O intento de aumentar o seu nivel de negocio, ou a utilización da Taxa como aval bancario para obter novo crédito, fai que o problema que supón para a poboación de Ferrol a existencia de EMAFESA, secuestrada pola parte privada SOCAMEX-URBASER, se perpetúe no tempo e signifique unha sangría continuada de recursos familiares e recursos públicos en Ferrol.

A entrega a esta empresa non ofrece garantías e está na dirección oposta ao que debera ser un proceso de remunicipalización deste servizo. A maiores, Augas de Galicia, até o momento única responsábel da EDAR de Cabo Prioriño, ao entregar a unha empresa mixta, polo tanto, empresa que se rexe polo dereito mercantil, como calquera empresa privada, a xestión dun servizo sen aplicar o principio de libre concorrencia, suporía incorrer nunha causa de nulidade de pleno dereito. Na mesma situación podería encontrarse o Concello de Ferrol, asinando a prorroga do Convenio de Colaboración con Augas de Galicia, onde se formaliza a encomenda de xestión .. e á súa vez o Protocolo de Execución onde se lle outorga a EMAFESA a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración.

Terceira cuestión.-

A Plataforma pon ao servizo da cidadanía de Ferrol, un correo electrónico, afectadasporemafesa@gmail.com, para facilitar a denuncia de incumprimentos, cobros indebidos e abusos que esta empresa leva cometendo ao longo destes anos no noso Concello, de cara á formación dunha asociación (que esta Plataforma acordou promover) de persoas afectadas por Emafesa, que poidan realizar accións colectivas para defender os seus dereitos vulnerados.

Cuarta e última Cuestión.-

Despois do calamitoso Pleno e dos acordos acadados por catro grupos municipais que non compartimos no referente a que Emafesa se faga cargo da Depuradora como xa argumentamos na segunda Cuestión, como Plataforma, demandamos o que segue:

1) QUE A PLANTA EMPECE A TRABALLAR XA, nas mans de Augas de Galicia, ou mediante unha empresa pública (Seaga, Tragsa, Emalcsa,...) na que delegue baixo a súa responsabilidade, mentres se acondicione e se emenden as deficiencias rexistradas nas instalacións ou as relativas coa posta a punto delas, subrogando ao persoal que traballa na actualidade no sistema de saneamento e depuración.

2) ESIXIMOS A REALIZACIÓN DUN ESTUDO TÉCNICO-ECONÓMICO DA FUTURA TAXA, realizado por unha entidade independente do sector e coa participación veciñal e social.

3) REXEITAMOS CALQUERA CUSTO DE TRABALLOS FEITOS ATÉ HOXE POR EMAFESA NAS INSTALACIÓNS DA EDAR, EBAR, EMISARIOS E INTERCEPTORES. Estes traballos deberán ser soportados en custo e alcance por Augas de Galicia xa que nada teñen que ver con decisións ou responsabilidades da veciñanza.

4) ESIXIMOS DE FORMA URXENTE UNHA AUDITORÍA DAS CONTAS DE EMAFESA. Non nos parece razoábel nin suxeita a dereito que cos cartos da veciñanza se cubran perdas imputábeis directamente a xestión da parte privada de Emafesa (Socamex-Urbaser).

5) ESIXIMOS A DEVOLUCIÓN OU NOTIFICACIÓN DE FUTURA COMPENSACIÓN, POR PARTE DE EMAFESA, POLO RECIBO DA TAXA COBRADO INDEBIDAMENTE Á VECIÑANZA POR UNHA DEPURACIÓN QUE NON SE EFECTUOU.

Ferrol, 23 de marzo de 2017
Asinado en representación da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización

Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces.

---